Posted on Abril 11, 2010 in by Cantares do BriónComentarios desactivados en Quen somos?

O Coro Tradicional Cantares do Brión comezou a ensaiar por vez primeira en decembro de 2008 e constituíuse formalmente o día 7 de marzo de 2010 no seo do Centro Cultural de Vincios (Gondomar). Entre as súas finalidades primordiais están as seguintes:

  • A interpretación da música coral tradicional galega, a capella e co acompañamento instrumental da tradición galega.
  • O perfeccionamento técnico e artístico dos e das compoñentes do Coro mediante a participación en cursos especializados.
  • A cooperación e o intercambio con outras corais de ámbito local, comarcal, nacional e internacional.
  • A promoción da investigación e difusión da música coral tradicional e do traxe popular galego, así como de todo o que sexa intrínseco á nosa cultura.
  • O emprego da lingua galega para o desenvolvemento de toda a vida asociativa.

A formación conta con algo máis de sesenta compoñentes de distintas idades e procedencia xeográfica que se distribúen en catro cordas: tiple, contralto, tenor e baixo. No seu variado repertorio de pezas destacan as pandeiradas, as foliadas, os maneos, as muiñeiras e os alalás.

Ademais das voces, o Coro Tradicional Cantares do Brión emprega distintos instrumentos propios da tradición galega, como a gaita, o tamboril, o bombo, a pandeireta e as cunchas.

O director musical da agrupación é Pablo Rial, veciño de Vincios, e o presidente da Comisión do Coro é Xosé G. Crego, de  Priegue (Nigrán).