Posted on Decembro 7, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Cantares do Brión en espazo aberto

No Galiñeiro

A solicitude da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro participamos o día 18 de setembro na II Andaina Aloia-Galiñeiro interpretando na panasqueira de riba, no merendeiro da Comunidade de Montes de Vincios, varias pezas do noso repertorio.

Ensaio na rúa

O domingo, 30 de outubro, o ensaio habitual do coro tivo lugar na Alameda de Gondomar, rodeados de amigos e conveciños.


 

Na voda de Pablo e Mirian

O día 19 de novembro acudimos ás portas do Xulgado de Paz de Gondomar onde casaron a nosa tesoureira, Mirian, e o noso director, Pablo. Despois do estoupido dunha considerable traca de petardos prendida polos amigos da parroquia de Vincios, de onde os noivos son naturais, o coro Cantares do Brión, que ocupou a metade da rúa, interpretou o Alalá nº 3 e a Foliada de Vincios. A seguir, sesión vermú no café Rañolas, convidados polos contraentes.

 

Posted on Agosto 10, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Primeiro concerto en solitario de Cantares do Brión o martes 16 de agosto en Panxón (Nigrán)

O martes 16 de agosto ás 22,30 horas, no Campo das Redes, en Panxón (Nigrán), Cantares do Brión ofrecerá o seu primeiro concerto en solitario.

A actuación está enmarcada no programa de actividades de agosto de 2011 que organiza a Concellería de Cultura, Turismo e Deporte do Concello de Nigrán.

Alí interpretaremos o repertorio que nos caracteriza: alalás, foliadas, pandeiradas…, con algunha novidade, como a peza titulada «Na Touba do Brión», que estreamos hai poucas semanas no II Festival Folc Illa de San Simón, en Cesantes. A letra desta peza son varias coplas recollidas por Rosalía Hermida Pérez, natural de Xián – Vincios (Gondomar) e avoa dunha das compañeiras do coro; a música é de Luís Correa «Caruncho», tamén membro de Cantares do Brión.

Este concerto é moi importante para nós, por celebrarse no Val Miñor, nun concello onde aínda non estiveramos, e no marco da programación de verán, nun lugar onde anteriormente estiveron Milladoiro, Berrogüetto, Son de Seu e outras agrupacións de primeira liña.

Posted on Xullo 4, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en O Coro Tradicional Cantares do Brión no II Festival Folc Illa de San Simón

A partir das 20:30 horas do sábado 9 de xullo o Coro Tradicional Cantares do Brión acudirá á parroquia de Cesantes, no concello de Redondela, onde se vai desenvolver o II Festival Folc Illa de San Simón.
Será no salón de actos do Centro Cultural Deportivo de Cesantes e, ademais do noso Coro, actuará o Grupo de Baile e Gaitas Airiños de San Simón.
A primeira edición deste Festival tivo lugar o pasado ano e nel actuou o grupo de música tradicional Os Carunchos.
No repertorio de Cantares do Brión, os alalás, foliadas e pandeiradas que nos caracterizan, coa estrea da peza “Na Touba do Brión”, con letra popular e música do noso compañeiro, o afamado gaiteiro Luís Correa.

Posted on Maio 19, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en II Romaría da Touba do Brión en Vincios (Gondomar)

O vindeiro domingo 29 de maio o Coro Tradicional Cantares do Brión organiza a II Romaría da Touba do Brión, unha festa laica que se celebra nas abas da Serra do Galiñeiro. Calquera persoa que o desexe queda convidada a participar.

A partir das 10:30 da mañá dará comezo a romaría cunha camiñada desde o merendeiro da Comunidade de Montes de Vincios até a Touba do Brión, debaixo do Curro. Na touba, que lle dá nome ao noso coro, seremos informados das características da cova e mais da lenda localizada nesta paraxe, por conta de representantes do Clube Espeleolóxico Maúxo. Despois, Cantares do Brión interpretará algunhas pezas do seu repertorio, entre as que non faltará a “Foliada de Vincios”. Ademais, aproveitaremos esta ocasión para estrear a cantiga que leva por título “Na Touba do Brión”.

A continuación celebraremos un xantar popular no merendeiro do Galiñeiro coa comida e a bebida que acheguen os propios participantes, para comezar a foliada amenizada por grupos de música tradicional e mais polos coristas de Cantares do Brión, colectivo integrado no Centro Cultural de Vincios.

Tal e como sucedeu o ano pasado, agárdase que as romeiras e romeiros máis ousados efectúen unha subida ao pico máis alto do Galiñeiro.

A romaría, aberta a quen queira achegarse ao lugar, esténdese durante todo o día. Aconséllase levar, ademais de comida e bebida, toda clase de instrumentos musicais utilizados na nosa tradición musical.

Deixamos aquí un vídeo dunha das pezas cantadas o ano pasado na Touba do Brión.

Posted on Maio 13, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Concerto de Cantares do Brión no Conservatorio Profesional de Música de Vigo

O vindeiro luns 16 de maio, ás 20:00 horas, o Coro Tradicional Cantares do Brión actúa no Auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, no marco do acto de entrega de premios do 1º Concurso de Harmonización Coral de Melodías Tradicionais VOGALIZA.

No curso deste acto, que forma parte da celebración do Día das Letras Galegas, farase entrega dos premios do Concurso e o Coro do Conservatorio interpretará algunhas das pezas gañadoras.

Posted on Xaneiro 31, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Cantares do Brión ateiga o auditorio do Centro Cultural de Vincios na súa presentación

O Coro Tradicional Cantares do Brión, do Centro Cultural de Vincios, presentouse oficialmente o pasado sábado 22 de xaneiro nun acto conducido por Leni Pérez, en que «o coro das Rías Baixas» foi apadriñado por Cántigas da Terra, que este ano celebrarán o seu 95 aniversario enriba dos escenarios. Para esta presentación Cantares do Brión contou en todo momento co apoio da Asociación de Veciños Galiñeiro, de Vincios, cuxo presidente, Marcial Comesaña, abriu o acto.

Cun auditorio do Centro Cultural de Vincios totalmente ateigado de persoas que non quixeron perder este acontecemento sociocultural de enxalzamento da música, do traxe e da lingua da nación galega, comezou Cántigas, dirixido por César Concheiro, a súa impecable actuación: un variado repertorio de once pezas perfectamente harmonizadas polos expertos coristas, gaiteiros e gaiteiras de Cántigas da Terra no que houbo cabida para alboradas, foliadas, pandeiradas, maneos, xotas e muiñeiras.

Despois, acollidos por un emotivo e esperanzador entusiasmo do público amigo saíu ao escenario o Coro Tradicional Cantares do Brión, momento en que se produciu o acto de apadriñamento por parte de Cántigas da Terra, representados polo seu presidente Xosé Carlos Ponte Mecías. Xosé Crego, presidente de Cantares do Brión, leu un intenso discurso que serviu de homenaxe ao mestre Chané, director do Orfeón Coruñés e da Coral El Eco, no 155 aniversario do seu nacemento, ao tempo que manifestou a intención de que Cantares do Brión se constitúa no coro tradicional de referencia das Rías Baixas e das comarcas miñotas e miñoranas. Despois do intercambio de agasallos, Xosé Carlos Ponte tivo unhas breves pero emocionantes palabras de ánimo e de benvida para Cantares do Brión.

E entón chegou o momento máis agardado. O concerto de Cantares do Brión, dirixido por Pablo Rial Salgueiro, fixo que a temperatura e a entrega subisen algúns puntos máis, debido, sobre todo, ao cariño e ao apoio que os amigos e amigas presentes manifestaron en todo momento. Soaron alalás, foliadas, pandeiradas, muiñeiras (unha delas, a «Muiñeira do turreiro», foi tocada co grupo Zurrumalla, do que forman parte dous compañeiros coristas e que gravaron para o seu próximo disco), maneos… E para rematar o acto, a apoteósica interpretación da Foliada de Cerdedo e do Himno Galego por parte dos dous coros amigos: máis dun cento de voces entoando, xunto con todas as persoas que permaneceron no auditorio dende o comezo (aguantando algunhas delas de pé máis de dúas horas sen descanso), o poema de Pondal ao que Pascual Veiga lle puxo música.

Como di o tamén amigo Xilberte Manso, do IEM, na fermosa crónica que elaborou, e que dende aquí lle agradecemos, a noite da presentación de Cantares do Brión converteuse nun «refacho de esperanza e arrecendo a primavera».

Deixamos tamén aquí o testemuño doutro amigo, neste caso, Daniel Lavesedo, crítico musical e colaborador do Faro de Vigo:

Subía a friaxe polas abas do Galiñeiro e tamén subía a xente –veciños, forasteiros, até algún político perdido e mesmo os da tele-, camiño do Centro Cultural de Vincios o pasado sábado 22 de xaneiro. A ocasión merecíao: era a presentación do Coro Tradicional Cantares do Brión e por se iso non fose abondo, o novo coro apresentábase apadriñado por outro coro tradicional da nosa terra, un deses que xa forman parte da nosa historia: Cántigas da Terra, unha agrupación que xa vai camiño dos 100 anos de historia, pois é coetánea das Irmandades da Fala e da desgrazadamente extinta A Nosa Terra.

A mistura de sensacións que engalaba polo recinto respirábase en abrindo a porta. Solemnidade e nerviosismo. Solemnidade porque eran moitos os que entendían a importancia histórica do momento –e aos que non a deron comprendido de seu deixoullela clara o director de Cántigas da Terra–, e nerviosismo propio de calquera estrea, con sorrisos forzados e ollos que denotaban o irreprimible medo á primeira vez.

Porén, cando se abriu o pano e Leni encetou as presentacións todo comezou a rodar. Racharon o silencio Cántigas da Terra, marabillando coas súas polifonías, debullando un repertorio que comezou cunha chiscadela as terras do Val Miñor para percorrer despois a xeografía musical do noso país.

E despois chegou o intre que todos estabamos a agardar. O pano descorreuse para nos mostrar a formación dos Cantares do Brión, sesenta homes e mulleres esplendidamente vestidos, agardando arelantes para nos sorprender coa súa música, cousa que fixeron en canto o director o ordenou. As cancións foron saíndo, o nerviosismo foi esmorecendo e a música domeou o auditorio, obrigando o público que ateigaba o recinto a se divertir e colaborar, cunhas tímidas palmas ao primeiro e cantando o himno galego como colofón, axudando aos dous coros que xuntaron máis dun cento de voces no escenario para os bises.

Marchamos contentos, arrolados na música tradicional e co solaz que dá ollar as cousas bonitas e ben feitas. Mágoa que polo de agora isto sexa unha excepción e non agroman iniciativas como a do Coro Tradicional Cantares do Brión en cada recanto do noso país.

Posted on Xaneiro 16, 2011 in Sen clasificar by Cantares do Brión1 Comment »

O sábado, 22 de xaneiro, a partir das 8,00 do serán, terá lugar no Centro Cultural de Vincios, en Gondomar, o acto de presentación do Coro Tradicional Cantares do Brión, con apadriñamento a cargo do histórico Coro Cántigas da Terra.

Dous anos despois da súa constitución, e logo de actuar en distintos eventos, como o Festival Folc Sons da Lameira, en Matamá, ou na Homenaxe ao Gaiteiro, recentemente celebrada no teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia, en Vigo, Cantares do Brión, unha formación de 60 membros, preséntase oficialmente no lugar onde naceu e onde ten a súa sede social: na parroquia miñorana de Vincios, en Gondomar, no seu Centro Cultural.

Pola súa banda, Cántigas da Terra, con case cen anos de existencia, colleitou importantes éxitos, entre eles na súa intervención no Festival de Lorient no pasado ano.

Nesta actividade, á que están invitadas as máis altas autoridades da cultura, académicas e políticas, así como o público en xeral, con entrada libre, os coros citados, Cántigas da Terra e Cantares do Brión, interpretarán pezas do repertorio popular e tradicional de Galicia.

Dentro da actuación de Cantares do Brión, vai ser gravada en directo unha peza que o grupo Zurrumalla incluirá nun disco de próxima aparición.

Posted on Novembro 22, 2010 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Cantares do Brión participou na XXII Homenaxe ao Gaiteiro

O Coro Tradicional Cantares do Brión pechou onte domingo 21 de novembro no Centro Cultural Caixanova de Vigo o acto da XXII Homenaxe ao Gaiteiro que organiza o Grupo Etnográfico A Buxaina de Coruxo. Nesta edición os gaiteiros homenaxeados foron Faustino Luis Seoane, da localidade ourensá da Gudiña e Enrique Alonso Fernández, de Lavadores.

No acto de música e baile tradicionais, que se desenvolveu dende as 18:00 ata as 20:00 horas da noite, e que foi presentado por Carlos do Viso (un auténtico profesional, capaz de estender as presentacións ata onde lle pidamos), participaron tamén os nosos amigos Os Terribles de Donas (veciños de Gondomar e do Val Miñor) e os organizadores, e tamén amigos e magníficos anfitrións, Grupo Etnográfico A Buxaina.

Para Cantares do Brión esta foi unha actuación moi especial, xa que por primeira vez actuabamos ataviados cos traxes tradicionais de gala e nun auditorio da envergadura do mítico «García Barbón», que onte estaba ateigado de persoas.

Despois de cantarmos o repertorio que tiñamos preparado e de sermos agasallados coa nosa primeira «Buxaina», tocounos pechar o acto desta edición da Homenaxe ao Gaiteiro entoando o Himno Galego, momento emotivo en que todo o público se puxo en pé e nos acompañou coas súas voces.

Unha vez rematado o acto formal, montouse unha foliada con pinchos, música e baile no Centro Recreativo Artístico Cultural de Coruxo, onde houbo festa durante unhas horas máis.

Vaia dende este foro o noso agradecemento e a nosa felicitación a todas as persoas que conforman o Grupo Etnográfico A Buxaina polo magnífico traballo que desenvolven a prol da conservación dos sinais de identidade galegos.

Posted on Novembro 8, 2010 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Entrevista a Cantares do Brión en Valmiñor.info

Esta pasada semana o xornal dixital Valmiñor.info publicou unha interesante entrevista realizada a Pablo Rial e Xosé M. García Crego, director e presidente, respectivamente, do Coro Tradicional Cantares do Brión.
Ademais, nese mesmo xornal publicouse tamén unha noticia de información xeral sobre a nosa formación onde se anuncia a próxima actuación na XXII Homenaxe ao Gaiteiro.

Reproducimos a entrevista integramente:


Logo do ensaio dominical, Xosé Manuel García Crego, presidente da agrupación Coro Tradicional Cantares do Brión, e Pablo Rial Salgueiro seu director artístico, conversaron con Valminor.info sobre os orixes do grupo e seus proxectos futuros.

-Como nace o Coro Tradicional Cantares do Brión?

Pablo Rial: A idea xorde dun grupo de alumnos de música da parroquia de Vincios. Alumnos de gaitas, percusión, e outros instrumentos que viron que facía falta cantar, que apetecía cantar. A inquietude dese grupo foi acollida por outra xente, non só de Vincios, que se foron achegando.

– Por que a identificación cos coros tradicionais de Galicia?

P.R.: Os coros galegos do principio do século XX naceron nunha situación onde o galego tiña que afirmarse. Tamén agora hai un movemento en toda Galicia de reafirmación da cultura, de traer aos nosos días a tradición.

XMCG: É interesante expresar que en todo o territorio das Rías Baixas nunca existiu un coro tradicional, si en Santiago, A Coruña, O Ferrol e Ourense. Aquí hai moitos coros pero ningún coa identidade de coro tradicional, con esta cantidade de xente (máis de 60 persoas), e a decisión e perspectiva de futuro.

P.R.: Os demais coros tradicionais nos empezan a definir como “o coro de Pontevedra”, como dicindo que en Pontevedra non había ningún coro de este estilo.

-Contan no repertorio con algunha peza miñorana?

P.R.: Temos a sorte de contar con compositores que están creando para incluír no repertorio ademais das cancións tradicionais e populares, pezas novas, de propia factura. É o caso de “Foliada de Vincios”, feita por Luis Correa, músico e membro do coro.

-Desenvolven todas as actividades en lingua galega, por que?

XMGC: Porque é a nosa! (risas). Penso que nesa materia non hai moito que explicar… tampouco darlle moitas voltas, o galego é a nosa lingua e hai que conservala.

P.R.: Non tería que ser necesario andar redundando sempre no mesmo, pero lamentablemente hai que facelo. En todas as actividades pero nesta especialmente es necesario que o galego teña un plus. Ademais, facer música tradicional galega ten que ser loxicamente en galego.

-O compromiso coa identidade tamén chega aos traxes…

XMGC: A vestimenta do coro foi deseñada e confeccionada polas costureiras do grupo. Compañeiras que tamén participan do movemento galego do traxe tradicional.

P.R.: Hai que destacar ademais do traballo o fermoso colorido dos mesmos, que o público poderá apreciar a partir da estrea do próximo 21 de novembro, no Centro Cultural Caixanova, de Vigo.

Posted on Novembro 2, 2010 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Cantares do Brión na XXII Homenaxe ao Gaiteiro

O vindeiro domingo 21 de novembro o Coro Tradicional Cantares do Brión actuará na XXII Homenaxe ao Gaiteiro organizada polo grupo etnográfico A Buxaina de Coruxo. O acto desenvolverase a partir das 18:00h no Centro Cultural Caixanova e será presentado por Carlos do Viso. Xunto a Cantares do Brión actuarán tamén Os Terribles de Donas e o propio grupo organizador, A Buxaina.

Para Cantares do Brión esa será unha data moi especial, xa que, ao orgullo que representa poder formar parte deste evento de recoñecido prestixio, xúntase o feito de que ese día será a estrea dos traxes de gala por parte dos compoñentes do Coro.

« Páxina anteriorPáxina seguinte »