Posted on Xuño 21, 2012 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Cantares do Brión no VI Certame Internacional de Coros De Ruada

Despois do noso paso pola parroquia nigranesa de Chandebrito, onde acudimos o día 9 de xuño ao chamado da Asociación Cultural e Veciñal Chandebrito 1807 para participar nas festas patronais do Cristo da Vitoria, Cantares do Brión estaremos o sábado, 23 de xuño, ás 20,30 horas no Teatro Principal de Ourense, no marco do VI Certame Internacional de Coros De Ruada que organiza a veterana coral ourensana.

Compartiremos escenario co portugués Orfeâo de Águeda. Nos días inmediatos interveñen a propia Coral De Ruada, os limiaos do Coro Aimil e Cántigas da Terra.

Na cidade de Otero Pedrayo e Blanco Amor, na noite de San Xoán, Cantares do Brión interpretaremos pezas do repertorio tradicional e varias outras de nova creación, como a titulada “Tríadas do vento no mar”, con letra de Valentín Paz-Andrade, autor homenaxeado coas Letras Galegas 2012, musicado por Luís Correa, con arranxos do noso director Pablo Rial. E tamén o alalá “Camiño de Ourense”, con letra de Manolo Pipas e música de Luís Correa.