Posted on Xaneiro 30, 2012 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en 300 persoas asisten en Gondomar ao I Encontro de Coros Tradicionais CANTARES NO MIÑOR

É a música, a popular máis concretamente, a que mellor expresa a historia dun pobo e a súa personalidade.

O que escoite ao lonxe un aturuxo, ou o son do roncón dunha gaita, non pode dicir que os seus sentidos non esperten e eleven o nivel de atención para agardar o que vén detrás. Latexan aí os sons máis singulares que nos definen como pobo e que, como no lenzo dunha obra mestra do mellor pintor, van debuxando no éter as máis variadas e plásticas imaxes, só coa imaxinación e a capacidade evocadora que nos transportan esas notas e eses sons.

Mais non esquezamos que o mellor instrumento musical que o ser humano domina é a voz. E aí si que non hai lenzo que recolla toda a gama de efectos e imaxes sonoras que se poden producir.

Pois ben, hoxe estamos aquí para gozar dunha boa mostra dese mellor “cadro” musical, acompañados de dúas magníficas agrupacións de homes e mulleres que atesouran o legado máis íntimo do noso pobo: a súa música e a canción popular.

Serán, pois, as súas voces as que nos fagan emocionar e… prepárense!, porque van facer tremer con dita emoción o chan, as cadeiras e butacas deste auditorio Lois Tobío de Gondomar.

Hai moita historia e moito futuro neste festival que nace hoxe, e un gran desexo de espallar e divulgar, como se merece, ese gran legado que dende hai moito tempo os coros tradicionais galegos veñen facendo das nosas máis persoais pezas musicais.

Con estas palabras do profesor e destacado membro do Instituto de Estudos Miñoranos, Xilberte Manso de la Torre, comezaba o I Encontro de Coros Tradicionais CANTARES NO MIÑOR, que congregou na noite do sábado, 21 de xaneiro, unhas 300 persoas que ateigaron –e aínda nun bo número tiveron que dar a volta ao se encher– o Auditorio Municipal Lois Tobío, de Gondomar, para escoitar a Agrupación Folclórica CANTIGAS E AGARIMOS, de Santiago de Compostela, e o Coro Tradicional CANTARES DO BRIÓN, con sede na parroquia miñorana de Vincios.

Ao longo de case dúas horas, voces, gaitas, bailadores e bailadoras teceron un fío que uniu os nosos devanceiros de séculos atrás coa creación cultural máis actual do noso pobo.

Repertorios do canto tradicional que encheron de emoción aos asistentes a un evento que rematou cos dous coros no escenario interpretando a Foliada de Carril e mais o Himno Galego, co público posto en pé, participando activamente no solemne final.

Ao remate, coristas das dúas agrupacións participaron nunha merenda-foliada que tivo lugar no Pazo da Escola, tamén de Gondomar, nun ambiente festivo e de grande irmandade.

Aquí queda unha serie de fotografías, que lle agradecemos a Gabriela Legaspi, dalgúns momentos da noite.

Posted on Xaneiro 16, 2012 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en I Encontro de Coros Tradicionais CANTARES NO MIÑOR

O sábado 21 de xaneiro, a partir das 20:30h, no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar, celébrase o evento «CANTARES NO MIÑOR. I Encontro de Coros Tradicionais». No acto participarán a Agrupación Folclórica CANTIGAS E AGARIMOS, de Santiago de Compostela, e o Coro Tradicional CANTARES DO BRIÓN, do Centro Cultural de Vincios (Gondomar), que é a entidade organizadora. O acto será presentado por Xilberte Manso de la Torre, profesor do Instituto ProVal e membro destacado do Instituto de Estudos Miñoranos.

Despois de que Perfecto Feijoo crease en 1883 en Pontevedra a agrupación coral Aires da Terra, a comezos do século XX formáronse algúns dos coros que aínda hoxe permanecen, como Toxos e Froles (Ferrol, 1915), Cántigas da Terra (A Coruña, 1916), De Ruada (Ourense, 1919) ou Cantigas e Agarimos (Compostela, 1923). Estas formacións preservaron a tradición coral que chega aos nosos días arrequecida pola achega popular durante décadas de actividade a prol da música, da cultura e do idioma de Galicia.

Seguindo a súa estela, durante os últimos anos xurdiron en Galicia algúns coros de corte tradicional, entre os que se atopa Cantares do Brión (do Centro Cultural de Vincios), que ten as primeiras actuacións públicas en 2009 e que se constitúe formalmente o 7 de marzo de 2010. A súa presentación oficial celébrase o 22 de xaneiro de 2011, apadriñados polo coro Cántigas da Terra.

A proximidade desta data de presentación é a escollida para celebrar de hoxe en diante o que chamaremos «CANTARES NO MIÑOR. Encontro de Coros Tradicionais». Como o seu nome indica, este evento terá como marco a comarca do Val Miñor e por aquí pasarán, nos próximos anos, as agrupacións corais máis representativas de Galicia, sempre baixo o signo da tradición musical galega.