Posted on Maio 19, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en II Romaría da Touba do Brión en Vincios (Gondomar)

O vindeiro domingo 29 de maio o Coro Tradicional Cantares do Brión organiza a II Romaría da Touba do Brión, unha festa laica que se celebra nas abas da Serra do Galiñeiro. Calquera persoa que o desexe queda convidada a participar.

A partir das 10:30 da mañá dará comezo a romaría cunha camiñada desde o merendeiro da Comunidade de Montes de Vincios até a Touba do Brión, debaixo do Curro. Na touba, que lle dá nome ao noso coro, seremos informados das características da cova e mais da lenda localizada nesta paraxe, por conta de representantes do Clube Espeleolóxico Maúxo. Despois, Cantares do Brión interpretará algunhas pezas do seu repertorio, entre as que non faltará a “Foliada de Vincios”. Ademais, aproveitaremos esta ocasión para estrear a cantiga que leva por título “Na Touba do Brión”.

A continuación celebraremos un xantar popular no merendeiro do Galiñeiro coa comida e a bebida que acheguen os propios participantes, para comezar a foliada amenizada por grupos de música tradicional e mais polos coristas de Cantares do Brión, colectivo integrado no Centro Cultural de Vincios.

Tal e como sucedeu o ano pasado, agárdase que as romeiras e romeiros máis ousados efectúen unha subida ao pico máis alto do Galiñeiro.

A romaría, aberta a quen queira achegarse ao lugar, esténdese durante todo o día. Aconséllase levar, ademais de comida e bebida, toda clase de instrumentos musicais utilizados na nosa tradición musical.

Deixamos aquí un vídeo dunha das pezas cantadas o ano pasado na Touba do Brión.

Posted on Maio 13, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Concerto de Cantares do Brión no Conservatorio Profesional de Música de Vigo

O vindeiro luns 16 de maio, ás 20:00 horas, o Coro Tradicional Cantares do Brión actúa no Auditorio David Russell do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, no marco do acto de entrega de premios do 1º Concurso de Harmonización Coral de Melodías Tradicionais VOGALIZA.

No curso deste acto, que forma parte da celebración do Día das Letras Galegas, farase entrega dos premios do Concurso e o Coro do Conservatorio interpretará algunhas das pezas gañadoras.