Posted on Xaneiro 31, 2011 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Cantares do Brión ateiga o auditorio do Centro Cultural de Vincios na súa presentación

O Coro Tradicional Cantares do Brión, do Centro Cultural de Vincios, presentouse oficialmente o pasado sábado 22 de xaneiro nun acto conducido por Leni Pérez, en que «o coro das Rías Baixas» foi apadriñado por Cántigas da Terra, que este ano celebrarán o seu 95 aniversario enriba dos escenarios. Para esta presentación Cantares do Brión contou en todo momento co apoio da Asociación de Veciños Galiñeiro, de Vincios, cuxo presidente, Marcial Comesaña, abriu o acto.

Cun auditorio do Centro Cultural de Vincios totalmente ateigado de persoas que non quixeron perder este acontecemento sociocultural de enxalzamento da música, do traxe e da lingua da nación galega, comezou Cántigas, dirixido por César Concheiro, a súa impecable actuación: un variado repertorio de once pezas perfectamente harmonizadas polos expertos coristas, gaiteiros e gaiteiras de Cántigas da Terra no que houbo cabida para alboradas, foliadas, pandeiradas, maneos, xotas e muiñeiras.

Despois, acollidos por un emotivo e esperanzador entusiasmo do público amigo saíu ao escenario o Coro Tradicional Cantares do Brión, momento en que se produciu o acto de apadriñamento por parte de Cántigas da Terra, representados polo seu presidente Xosé Carlos Ponte Mecías. Xosé Crego, presidente de Cantares do Brión, leu un intenso discurso que serviu de homenaxe ao mestre Chané, director do Orfeón Coruñés e da Coral El Eco, no 155 aniversario do seu nacemento, ao tempo que manifestou a intención de que Cantares do Brión se constitúa no coro tradicional de referencia das Rías Baixas e das comarcas miñotas e miñoranas. Despois do intercambio de agasallos, Xosé Carlos Ponte tivo unhas breves pero emocionantes palabras de ánimo e de benvida para Cantares do Brión.

E entón chegou o momento máis agardado. O concerto de Cantares do Brión, dirixido por Pablo Rial Salgueiro, fixo que a temperatura e a entrega subisen algúns puntos máis, debido, sobre todo, ao cariño e ao apoio que os amigos e amigas presentes manifestaron en todo momento. Soaron alalás, foliadas, pandeiradas, muiñeiras (unha delas, a «Muiñeira do turreiro», foi tocada co grupo Zurrumalla, do que forman parte dous compañeiros coristas e que gravaron para o seu próximo disco), maneos… E para rematar o acto, a apoteósica interpretación da Foliada de Cerdedo e do Himno Galego por parte dos dous coros amigos: máis dun cento de voces entoando, xunto con todas as persoas que permaneceron no auditorio dende o comezo (aguantando algunhas delas de pé máis de dúas horas sen descanso), o poema de Pondal ao que Pascual Veiga lle puxo música.

Como di o tamén amigo Xilberte Manso, do IEM, na fermosa crónica que elaborou, e que dende aquí lle agradecemos, a noite da presentación de Cantares do Brión converteuse nun «refacho de esperanza e arrecendo a primavera».

Deixamos tamén aquí o testemuño doutro amigo, neste caso, Daniel Lavesedo, crítico musical e colaborador do Faro de Vigo:

Subía a friaxe polas abas do Galiñeiro e tamén subía a xente –veciños, forasteiros, até algún político perdido e mesmo os da tele-, camiño do Centro Cultural de Vincios o pasado sábado 22 de xaneiro. A ocasión merecíao: era a presentación do Coro Tradicional Cantares do Brión e por se iso non fose abondo, o novo coro apresentábase apadriñado por outro coro tradicional da nosa terra, un deses que xa forman parte da nosa historia: Cántigas da Terra, unha agrupación que xa vai camiño dos 100 anos de historia, pois é coetánea das Irmandades da Fala e da desgrazadamente extinta A Nosa Terra.

A mistura de sensacións que engalaba polo recinto respirábase en abrindo a porta. Solemnidade e nerviosismo. Solemnidade porque eran moitos os que entendían a importancia histórica do momento –e aos que non a deron comprendido de seu deixoullela clara o director de Cántigas da Terra–, e nerviosismo propio de calquera estrea, con sorrisos forzados e ollos que denotaban o irreprimible medo á primeira vez.

Porén, cando se abriu o pano e Leni encetou as presentacións todo comezou a rodar. Racharon o silencio Cántigas da Terra, marabillando coas súas polifonías, debullando un repertorio que comezou cunha chiscadela as terras do Val Miñor para percorrer despois a xeografía musical do noso país.

E despois chegou o intre que todos estabamos a agardar. O pano descorreuse para nos mostrar a formación dos Cantares do Brión, sesenta homes e mulleres esplendidamente vestidos, agardando arelantes para nos sorprender coa súa música, cousa que fixeron en canto o director o ordenou. As cancións foron saíndo, o nerviosismo foi esmorecendo e a música domeou o auditorio, obrigando o público que ateigaba o recinto a se divertir e colaborar, cunhas tímidas palmas ao primeiro e cantando o himno galego como colofón, axudando aos dous coros que xuntaron máis dun cento de voces no escenario para os bises.

Marchamos contentos, arrolados na música tradicional e co solaz que dá ollar as cousas bonitas e ben feitas. Mágoa que polo de agora isto sexa unha excepción e non agroman iniciativas como a do Coro Tradicional Cantares do Brión en cada recanto do noso país.

Posted on Xaneiro 16, 2011 in Sen clasificar by Cantares do Brión1 Comment »

O sábado, 22 de xaneiro, a partir das 8,00 do serán, terá lugar no Centro Cultural de Vincios, en Gondomar, o acto de presentación do Coro Tradicional Cantares do Brión, con apadriñamento a cargo do histórico Coro Cántigas da Terra.

Dous anos despois da súa constitución, e logo de actuar en distintos eventos, como o Festival Folc Sons da Lameira, en Matamá, ou na Homenaxe ao Gaiteiro, recentemente celebrada no teatro do Centro Cultural Novacaixagalicia, en Vigo, Cantares do Brión, unha formación de 60 membros, preséntase oficialmente no lugar onde naceu e onde ten a súa sede social: na parroquia miñorana de Vincios, en Gondomar, no seu Centro Cultural.

Pola súa banda, Cántigas da Terra, con case cen anos de existencia, colleitou importantes éxitos, entre eles na súa intervención no Festival de Lorient no pasado ano.

Nesta actividade, á que están invitadas as máis altas autoridades da cultura, académicas e políticas, así como o público en xeral, con entrada libre, os coros citados, Cántigas da Terra e Cantares do Brión, interpretarán pezas do repertorio popular e tradicional de Galicia.

Dentro da actuación de Cantares do Brión, vai ser gravada en directo unha peza que o grupo Zurrumalla incluirá nun disco de próxima aparición.