Posted on Novembro 22, 2010 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Cantares do Brión participou na XXII Homenaxe ao Gaiteiro

O Coro Tradicional Cantares do Brión pechou onte domingo 21 de novembro no Centro Cultural Caixanova de Vigo o acto da XXII Homenaxe ao Gaiteiro que organiza o Grupo Etnográfico A Buxaina de Coruxo. Nesta edición os gaiteiros homenaxeados foron Faustino Luis Seoane, da localidade ourensá da Gudiña e Enrique Alonso Fernández, de Lavadores.

No acto de música e baile tradicionais, que se desenvolveu dende as 18:00 ata as 20:00 horas da noite, e que foi presentado por Carlos do Viso (un auténtico profesional, capaz de estender as presentacións ata onde lle pidamos), participaron tamén os nosos amigos Os Terribles de Donas (veciños de Gondomar e do Val Miñor) e os organizadores, e tamén amigos e magníficos anfitrións, Grupo Etnográfico A Buxaina.

Para Cantares do Brión esta foi unha actuación moi especial, xa que por primeira vez actuabamos ataviados cos traxes tradicionais de gala e nun auditorio da envergadura do mítico «García Barbón», que onte estaba ateigado de persoas.

Despois de cantarmos o repertorio que tiñamos preparado e de sermos agasallados coa nosa primeira «Buxaina», tocounos pechar o acto desta edición da Homenaxe ao Gaiteiro entoando o Himno Galego, momento emotivo en que todo o público se puxo en pé e nos acompañou coas súas voces.

Unha vez rematado o acto formal, montouse unha foliada con pinchos, música e baile no Centro Recreativo Artístico Cultural de Coruxo, onde houbo festa durante unhas horas máis.

Vaia dende este foro o noso agradecemento e a nosa felicitación a todas as persoas que conforman o Grupo Etnográfico A Buxaina polo magnífico traballo que desenvolven a prol da conservación dos sinais de identidade galegos.

Posted on Novembro 8, 2010 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Entrevista a Cantares do Brión en Valmiñor.info

Esta pasada semana o xornal dixital Valmiñor.info publicou unha interesante entrevista realizada a Pablo Rial e Xosé M. García Crego, director e presidente, respectivamente, do Coro Tradicional Cantares do Brión.
Ademais, nese mesmo xornal publicouse tamén unha noticia de información xeral sobre a nosa formación onde se anuncia a próxima actuación na XXII Homenaxe ao Gaiteiro.

Reproducimos a entrevista integramente:


Logo do ensaio dominical, Xosé Manuel García Crego, presidente da agrupación Coro Tradicional Cantares do Brión, e Pablo Rial Salgueiro seu director artístico, conversaron con Valminor.info sobre os orixes do grupo e seus proxectos futuros.

-Como nace o Coro Tradicional Cantares do Brión?

Pablo Rial: A idea xorde dun grupo de alumnos de música da parroquia de Vincios. Alumnos de gaitas, percusión, e outros instrumentos que viron que facía falta cantar, que apetecía cantar. A inquietude dese grupo foi acollida por outra xente, non só de Vincios, que se foron achegando.

– Por que a identificación cos coros tradicionais de Galicia?

P.R.: Os coros galegos do principio do século XX naceron nunha situación onde o galego tiña que afirmarse. Tamén agora hai un movemento en toda Galicia de reafirmación da cultura, de traer aos nosos días a tradición.

XMCG: É interesante expresar que en todo o territorio das Rías Baixas nunca existiu un coro tradicional, si en Santiago, A Coruña, O Ferrol e Ourense. Aquí hai moitos coros pero ningún coa identidade de coro tradicional, con esta cantidade de xente (máis de 60 persoas), e a decisión e perspectiva de futuro.

P.R.: Os demais coros tradicionais nos empezan a definir como “o coro de Pontevedra”, como dicindo que en Pontevedra non había ningún coro de este estilo.

-Contan no repertorio con algunha peza miñorana?

P.R.: Temos a sorte de contar con compositores que están creando para incluír no repertorio ademais das cancións tradicionais e populares, pezas novas, de propia factura. É o caso de “Foliada de Vincios”, feita por Luis Correa, músico e membro do coro.

-Desenvolven todas as actividades en lingua galega, por que?

XMGC: Porque é a nosa! (risas). Penso que nesa materia non hai moito que explicar… tampouco darlle moitas voltas, o galego é a nosa lingua e hai que conservala.

P.R.: Non tería que ser necesario andar redundando sempre no mesmo, pero lamentablemente hai que facelo. En todas as actividades pero nesta especialmente es necesario que o galego teña un plus. Ademais, facer música tradicional galega ten que ser loxicamente en galego.

-O compromiso coa identidade tamén chega aos traxes…

XMGC: A vestimenta do coro foi deseñada e confeccionada polas costureiras do grupo. Compañeiras que tamén participan do movemento galego do traxe tradicional.

P.R.: Hai que destacar ademais do traballo o fermoso colorido dos mesmos, que o público poderá apreciar a partir da estrea do próximo 21 de novembro, no Centro Cultural Caixanova, de Vigo.

Posted on Novembro 2, 2010 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en Cantares do Brión na XXII Homenaxe ao Gaiteiro

O vindeiro domingo 21 de novembro o Coro Tradicional Cantares do Brión actuará na XXII Homenaxe ao Gaiteiro organizada polo grupo etnográfico A Buxaina de Coruxo. O acto desenvolverase a partir das 18:00h no Centro Cultural Caixanova e será presentado por Carlos do Viso. Xunto a Cantares do Brión actuarán tamén Os Terribles de Donas e o propio grupo organizador, A Buxaina.

Para Cantares do Brión esa será unha data moi especial, xa que, ao orgullo que representa poder formar parte deste evento de recoñecido prestixio, xúntase o feito de que ese día será a estrea dos traxes de gala por parte dos compoñentes do Coro.