Posted on Outubro 24, 2010 in Sen clasificar by Cantares do BriónComentarios desactivados en VI Ciclo de Coros Históricos

Máis de corenta persoas do Coro Tradicional Cantares do Brión desprazáronse o domingo 17 de outubro ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña para asistir como público ao VI Ciclo de Coros Históricos organizado por Cántigas da Terra. Ese día actuaron o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, o Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e os anfitrións, Cántigas da Terra da Coruña. Nese mesmo marco foi homenaxeado o mestre gaiteiro Emilio Corral, con máis de 90 anos.

Para as persoas de Cantares do Brión que asistimos a este acto o momento máis emotivo da noite produciuse cando, durante a actuación de Cántigas da Terra, o director da sección de gaitas fixo unha mención á nosa presenza entre o público e lle dedicou dúas pezas ao noso coro, agoirándonos un futuro exitoso.

Unha vez rematado o acto, confirmouse a presenza en Vincios de Cántigas da Terra para apadriñar o Coro Tradicional Cantares do Brión cando sexa a súa presentación oficial.