

É a música, a popular máis concretamente, a que mellor expresa a historia dun pobo e a súa personalidade.
O que escoite ao lonxe un aturuxo, ou o son do roncón dunha gaita, non pode dicir que os seus sentidos non esperten e eleven o nivel de atención para agardar o que vén detrás. Latexan aí os sons máis singulares que nos definen como pobo e que, como no lenzo dunha obra mestra do mellor pintor, van debuxando no éter as máis variadas e plásticas imaxes, só coa imaxinación e a capacidade evocadora que nos transportan esas notas e eses sons.
Mais non esquezamos que o mellor instrumento musical que o ser humano domina é a voz. E aí si que non hai lenzo que recolla toda a gama de efectos e imaxes sonoras que se poden producir.
Pois ben, hoxe estamos aquí para gozar dunha boa mostra dese mellor “cadro” musical, acompañados de dúas magníficas agrupacións de homes e mulleres que atesouran o legado máis íntimo do noso pobo: a súa música e a canción popular.
Serán, pois, as súas voces as que nos fagan emocionar e… prepárense!, porque van facer tremer con dita emoción o chan, as cadeiras e butacas deste auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Hai moita historia e moito futuro neste festival que nace hoxe, e un gran desexo de espallar e divulgar, como se merece, ese gran legado que dende hai moito tempo os coros tradicionais galegos veñen facendo das nosas máis persoais pezas musicais.
Con estas palabras do profesor e destacado membro do Instituto de Estudos Miñoranos, Xilberte Manso de la Torre, comezaba o I Encontro de Coros Tradicionais CANTARES NO MIÑOR, que congregou na noite do sábado, 21 de xaneiro, unhas 300 persoas que ateigaron –e aínda nun bo número tiveron que dar a volta ao se encher– o Auditorio Municipal Lois Tobío, de Gondomar, para escoitar a Agrupación Folclórica CANTIGAS E AGARIMOS, de Santiago de Compostela, e o Coro Tradicional CANTARES DO BRIÓN, con sede na parroquia miñorana de Vincios.
Ao longo de case dúas horas, voces, gaitas, bailadores e bailadoras teceron un fío que uniu os nosos devanceiros de séculos atrás coa creación cultural máis actual do noso pobo.
Repertorios do canto tradicional que encheron de emoción aos asistentes a un evento que rematou cos dous coros no escenario interpretando a Foliada de Carril e mais o Himno Galego, co público posto en pé, participando activamente no solemne final.
Ao remate, coristas das dúas agrupacións participaron nunha merenda-foliada que tivo lugar no Pazo da Escola, tamén de Gondomar, nun ambiente festivo e de grande irmandade.
Aquí queda unha serie de fotografías, que lle agradecemos a Gabriela Legaspi, dalgúns momentos da noite.








